Sunday 05 de May de 2024

A Xunta reforza a seguridade dos peóns na estrada AC-221 na contorna do encoro de Cecebre, en Abegondo


A actuación, cun investimento de máis de 10.000 euros, consiste na construción dun treito de senda de 100 metros de lonxitude

O obxectivo é conectar con maior seguridade a saída do paseo fluvial do río Mero coa presa de Cecebre, á beira da estrada autonómica

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para reforzar a seguridade, especialmente a dos usuarios máis vulnerables, como os peóns

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras na estrada AC-221, na contorna do encoro de Cecebre, no concello de Abegondo, coa fin de reforzar a seguridade dos peóns.

A actuación, desenvolvida polo servizo de Conservación de Estradas da provincia da Coruña, conta cun investimento de máis de 10.000 euros.

A intervención consiste na construción dun pequeno treito de senda, cunha lonxitude de 100 metros, aproveitando o dominio público da estrada.

O obxectivo é conectar, con maior seguridade para os peóns, a saída do paseo fluvial do río Mero coa presa de Cecebre, á beira da estrada autonómica AC-221.

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica para reforzar a seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peóns ou os ciclistas.